A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia recoñece no seu articulado a posibilidade de crear, mediante lei do Parlamento de Galicia, áreas metropolitanas: "... integradas polos municipios onde existan grandes aglomeracións urbanas e cando entre os seus núcleos de poboación haxa vinculacións económicas e sociais que fagan precisas a planificación conxunta e a coordinación de determinados servizos e obras".
Posicionamento
- A planificación e coordinación de servizos e obras debe integrarse colectivamente baixo a configuración xurídico-institucional da área metropolitana que permite a lei, o que non impide que se poida ir avanzando nesa perspectiva por parte dos concellos da área, en especial en relación co ciclo ambiental da auga e os seus instrumentos de xestión (Emalcsa, Edar-Bens) así como respecto do tratamento e xestión de residuos (planta de Nostián).
- Respecto desta última, fai falta avanzar cara á estratexias de prevención, recollida e xestión de residuos compartidas entre os concellos, desde a concepción integral da xestión destes, abordando desde a súa separación en orixe ata a súa eliminación final, e apostando pola minimización de residuos e "Estratexias de Residuo Cero".
- No marco da planificación conxunta, as novas estratexias débense deseñar segundo as directrices do "Plan de acción da UE para a Economía Circular" de decembro de 2015, que marca como obxectivos a redución e valorización dos residuos das próximas décadas, salientando na procura de novas liñas de reutilización.
- Como piar fundamental do modelo de xestión, refórzase a aposta pola diferenciación do orgánico e outros materiais desde a súa valoración en orixe, recollida e tratamento, imprescindibles para a súa recuperación e valorización.
Obxectivos de acción mancomunada
- Asumir un compromiso real coa sustentabilidade ambiental, económica e social.
- Avaliación, análise e adopción de medidas coordinadas en relación cos servizos de interese común, en especial os relativos ao ciclo ambiental da auga e ao tratamento e xestión de residuos.
- Determinar unha fórmula de colaboración intermunicipal para a xestión de residuos, ex.: creación dunha sociedade pública, convenio de colaboración ou outras fórmulas.
- Planificación conxunta da xestión dos residuos de acordo coa regulación comunitaria sobre economía circular, que establece unhas porcentaxes concretas respecto da reciclaxe.
- Solicitude conxunta de medios ás administracións autonómica e estatal para mellorar a xestión de residuos na comarca, desde a prevención e o tratamento, ata accións de comunicación e educación ambiental.
- Colaboración na obtención de financiamento comunitario con cargo a Horizonte 2020 e aos fondos estruturais e abrir liñas de investigación conxuntas.
- Avaliar estratexias de xestión descentralizada dos residuos.
- Fomentar a xeración de emprego vinculado á xestión dos residuos e promoción de actividades de reutilización (aparellos eléctricos, téxtiles, mobles...), o que permitirá desenvolver proxectos de inserción social de persoas en situación de exclusión.
Plan de acción
Resolver desde a perspectiva metropolitana a problemática derivada da recollida, transporte, tratamento e xestión dos residuos urbanos.
- Formular propostas tendentes á progresiva dimensión metropolitana dos servizos públicos e da xestión territorial da área da Coruña
- Determinación da fórmula legal de colaboración intermunicipal para a xestión do tratamento de residuos
- Auditoría do estado técnico da Planta de Tratamento de Residuos Urbanos de Nostián para avaliar o seu funcionamento actual, e os investimentos necesarios para conseguir os novos obxectivos que establece a lexislación europea
- Elaborar información sobre a situación de partida da xestión de residuos municipais, particularmente sobre:
- o nivel de reutilización e reciclado para cada tipo de residuo (orgánico, inorgánico, papel, vidro, pilas, aceites)
- volume de rexeitamento destinado a vertedoiro
- custos derivados da súa xestión
- relación coas diferentes tipoloxías urbanas no territorio
- Deseño dun Plan Comarcal de Xestión de Residuos que incida nos aspectos que determina as directrices de economía circular, concretamente:
- Deseñar estratexias conxuntas para a mellora do tratamento dos bioresiduos
- Avaliar estratexias que fomenten a prevención de residuos en grandes produtores e unha mellora da separación
- Analizar a viabilidade de estratexias de residuo cero e de experiencias piloto de métodos que se consideren oportunos: pago por xeración, recollidas porta a porta, sistemas de rotura de anonimato etc.
- Deseño conxunto de campañas de comunicación e educación ambiental
- Estudo das posibilidades de xeración de emprego en persoas en risco de exclusión social a través de proxectos de colaboración con entidades de acción social
- Análise conxunta das alternativas de procura de financiamento europeo
- Estudar estratexias conxuntas de prevención e redución de residuos
Calendario proposto
- Documento de auditoría do funcionamento da Planta de Tratamento de Nostián, especialmente no relativo aos rendementos da compostaxe, reciclaxe e necesidades de investimento. Período de desenvolvemento: xuño 2016-decembro 2017
- Definición da fórmula xurídica que permita a xestión conxunta da Planta de Tratamento de Residuos Urbanos de Nostián e, se é o caso, doutras fases previas na súa xestión integral. Xuño 2017
- Auditoría da situación actual da caracterización de residuos, xunto coa análise da disposición urbana, localización de grandes produtores e a súa caracterización, etc. Decembro 2017
- Plan Comarcal de Xestión de Residuos. Decembro 2018
- Posta en marcha de incentivos á corresponsabilidade na xestión dos residuos. Decembro 2018
- Proxectos de xeración de economía social e inserción laboral vinculados á xestión de residuos. Outubro 2017
- Posta en marcha de proxectos piloto para a xestión diferenciada dos residuos no territorio: compostaxe caseira e doméstica, programas de xestión de restos de poda etc. 2016-2018
- Implantación das recollidas específicas con grandes produtores nas zonas que se consideren prioritarias. 2016-2017
- Plan de comunicación e participación conxunta para diferentes sectores sociais, centros educativos etc.
Actas
Acta da reunión do 26 de maio de 2016
Acta da reunión do 23 de agosto de 2016